Thursday 16 de May de 2024

A Xunta apoia o Festivas Internacional novos cinemas de Pontevedra no seu labor de difusión e formación do talento emerxente


— O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da sexta edición de certame, que se desenvolverá do 14 ao 19 de decembro no Teatro Principal pontevedrés

— A mostra inaugúrase coa estrea galega do documental ‘A Virxe Roxa’, de Marcos Nine, producido por Recrea Films con subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas presentou hoxe a programación completa da súa sexta edición, que se celebrará do 14 ao 19 de decembro con dúas seccións competitivas como eixos do calendario de exhibición xunto cunha ampla oferta complementaria de difusión, formación e acompañamento do talento audiovisual emerxente. O certame vén contando nos últimos anos co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria de axudas para festivais do sector, que este ano distribuíu 200.000 euros entre 14 citas de toda Galicia.

Así o puxo de manifesto o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, no acto celebrado esta mañá no Teatro Principal pontevedrés, no que tamén interviñeron Daniel Froiz e Suso Novás, codirectores de Novos Cinemas, así como os representantes doutras das entidades colaboradoras.

Lembrou tamén que esta liña específica de apoio aos festivais de cinema e doutros formatos audiovisuais reflicte o recoñecemento do Goberno galego ao seu interese estratéxico non só para o sector, senón tamén para as localidades e comarcas que os acollen. “Podemos dicir que estes eventos, ordenados xeográfica e cronoloxicamente e especializados moitos deles por xéneros e formatos, compoñen unha rede básica de apoio e difusión para o noso cinema, para a interacción entre profesionais e público, e para o intercambio e transmisión de coñecemento e experiencias a través da potencia amplificadora do medio audiovisual”, expresou.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse en concreto aos trazos propios que identifican o festival pontevedrés, como son que dirixa o foco ás primeiras e segundas obras de cineastas de ámbito internacional, os relevantes reclamos que sempre supoñen as súas sesións inaugural e de clausura, a súa aposta por fornecer a formación de futuros profesionais xunto ao desenvolvemento de proxectos titorizados, ou a plataforma de proxección e intercambio que lles brinda a moitos nomes importantes nos distintos ámbitos do audiovisual galego.

Estreas galegas
Esta sexta edición da mostra pontevedresa arrancará a semana que vén coa estrea galega do documental A Virxe Roxa, de Marcos Nine, que chega a Pontevedra tras a súa presentación na Seminci de Valladolid. Para a súa realización, Recrea Films contou tamén cunha subvención da Xunta no marco da liña de apoio a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Ademais das 13 obras seleccionadas este ano nas seccións Oficial e Latexos, inéditas en Galicia na súa gran maioría, Novos Cinemas dedicaralle por primeira vez en España un foco á directora e guionista cacereña María Pérez Sanz, cunha interesante produción cinematográfica que gravita arredor do cuestionamento e da exploración.

Entre as actividades complementarias deste ano destacan, así mesmo, as do espazo de asesoramento Proxectos Lab, cos galegos Víctor Soho e Paula Pérez López entre os catro seleccionados; os talleres formativos da sección Aula e os encontros cos cineastas Ángel Filgueira, Silvia Fuentes , Carlos Martínez-Peñalver, Liliana Torres e Álvaro Gago, quen amosará en exclusiva imaxes de Matria, a súa primeira longametraxe.

Outro agardado debut no formato de longa duración é o de Chema García Ibarra con Espítitu sagrado, película que clausurará Novos Cinemas o vindeiro 19 de decembro.